|
09/12/2011
Regal Cerámica, de Viveiro, gaña un dos Premios Nacionais de Artesanía
El Correo Gallego. O xurado recoñeceu o valor e a polivalencia do complexo cultural da Mariña//Idoia Cuesta, a artesá afincada en Outeiro de Rei, tivo unha mención especial
O obradoiro artesán Regal Cerámica, de Viveiro, resultou onte gañador na categoría Promociona. Entidades Privadas, da VI edición dos Premios Nacionais de Artesanía, que promove a Fundación Española para la Innovación de la Artesanía. O acto tivo lugar onte en Madrid, e nel participaron a directora xeral de Comercio, Nava Castro Domínguez, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro Castro, que apoiaron as cinco candidaturas galegas que resultaron finalistas na edición deste ano.
O comité de avaliación dos Premios recoñeceu o valor do complexo cultural Regal-Xunqueira como un espazo de integración e actividade cultural a partir da rehabilitación dunha antiga fábrica de curtidos, en Viveiro (Lugo), que chegou a ser unha das máis importantes de Galicia ata 1962. O seu xestor, o ceramista Alfonso Otero Regal, rehabilitou a fábrica converténdoa nun espazo único: un centro didáctico, un museo, unha tenda, un taller, un punto de encontro no que se respira artesanía e cultura. Na súa ampla infraestrutura realízanse actividades didácticas, conferencias, cursos e acóllense estudantes e investigadores.
Volver
|
|